Colectivo Literario In Nave Civitas Lugrís

Homenaxe a Manuel María

Este domingo 15 de maio temos unha cita coa poesía, coas lecturas dramatizadas, coa música o caldo e o churrasco. Temos unha cita, para pasaren unha estupenda xornada homenaxeando a Manuel María. Estades tod@s convidad@s! Acudide!
BANDO

Prohíbese, por orde da Alcaldía,
que medren porque sí
as rosas do xardín municipal.
Dende agora as pombas teñen
que pedir licenza para voar.
Prohíbese á lúa
andar ceiba de noite polo ceo.
A lúa é unha tola que anda espida
dando mal exemplo ás nenas castas
e aos fillos de familia.
Pagarán trabucos os poetas.
Prohíbese soñar de 10 a 11.
Pódese chorar tan só cando hai sequía
para que no fiquen baleiros os pantanos .
Un só se pode emocionar
os Xoves e Domingos
cando toca
a Banda do Concello no quiosco.
Están fora da Lei
as estrelas, a Primavera,
as flores e os paxaros.
Dase este bando en tal e cal
para que se cumpra
de orde do Alcalde.
Asinado, carimbado e rubricado.

Manuel María en Documentos persoaes, 1958

DISPOSICIÓN ADICIONAL (CON PERDÓN)


Convídase, por orde da Alcaldía
que veñan festexar
a obra do poeta popular,
o bo Manuel María.
O domingo día 15 ao mediodía
na praza de Sellier
con música, teatro e poesía
e caldo para xantar
(e algo de churrasco para despois).
Agradecemos gorxas espontáneas
que queran recordar
as verbas e a vida do poeta
fillo da Terra Chá.
Permítese a emoción malía no ter
prevista a presenza
da Banda do Concello neste acto.
Os risos e as bagoas
polo bardo,
o gran Manuel María,
exentos estarán
de taxas e demais contribucións.
Dáse esta Adicional
para que ben se cumpra
de orde do Alcalde
e outra sinatura,
outro carimbo
e unha rubrica máis.

A Coruña e maio, 2015

0 comentarios :

Publicar un comentario

Lugrís

Lugrís