Colectivo Literario In Nave Civitas Lugrís
Amosando publicacións coa etiqueta Rodrigo Osorio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rodrigo Osorio. Amosar todas as publicacións
Na rota Lugrís por Malpica os nosos compañeiros Rodrigo e Ana, estiveron con Gloria, a taberneira da Chega, ee esta dooulles un documento excepcional: una foto do noso señor Lugrís tomando unhas tazas na dita taberna. Foto e a listaxe das persoas que saen nela (de acordo coa memoria de Gloria). O pai de gloria foi concelleiro de Malpica polo partido socialista e estivo na cadea 3 anos a partir de 1937: mándovos tamén unhas fotos da súa acta de concelleiro e do recorte de prensa que daba conta do consello de guerra que lle fixeron.

Ao final, a intercesión do cura e outras persoas de Malpica, fixo que saíra da cadea e voltara ao bar ao que a xente comezou a chamar a Checa.

Medre o mar, a memoria e todas as historias!

A xente da foto:

Urbano Lugrís na taberna A Checa, en Malpica circa 1956
Fotografía cedida por Gloria Carril na Rota Lugrís en Malpica (28/09/2014)

De esquerda a dereita:
  •    Mato Pet
  •   José Carril Rodriguez, Xosé do Cadeiro (de pé) o dono da taberna e concelleiro socialista do Concello de Malpica na II República).
  •     Dono da Librería San Ramón de Carballo.
  •     Urbano Lugrís.
  •     Francisco Canedo, farmaceútico de Malpica.
  •     un mariñeiro ao que chamaban Madrugas.
  •     Descoñecido.
  •     Outro home relacionado coa librería San Ramón de Carballo.
  •     Ricardo Pombo -mariñeiro- e o seu fillo.
O noso compañeiro de colectivo Rodrigo Osorio agasallounos cun mapa das pedras do mar da Torre de Hércules. Todos os nomes das pedras marcados e sinalados no seu lugar correspondente, tal e como nos ensinara no seu día en varios roteiros o sabio e mellor percebelleiro do mundo, Milucho Mariñas (DEP). 
 Este é o enlace ao mapa:
Medre o Mar!
No Museo de Belas Artes da Coruña pódese ver o mural "Vista da Coruña, 1830"; unha obra que Lugrís pintou na parede da casa dun familiar en Madrid e que agora volta á Coruña. Trala benvida ao mural coa oda A Arribada, composta especialmente para ocasión. Logo dela, interpretouse esta fermosa canción, o imno do Colectivo Literario In Nave Civitas Lugrís, toda unha homenaxe ao mesmo Urbano Lugrís e a cidade barco, A Coruña.




  "Vista da Coruña, 1830" de Urbano Lugrís.
 
Urbano, Urbano,
Urbano Lugrís (bis)
quen pintou o mar, 
soños dun País!

Ulyses, Ulyses 
Ulyses Fingal (bis)
pintando a Marola
mudou todo o mar.

Acerico das sereas;
cosen as rendas do mar
cosen as rendas do mar
con fíos de lúa chea

Teño unh-a pedra coral,
Téñoa n-a miña poutada
Téñoa n-a miña poutada
Nena, que andas no areal

Urbano, Urbano,
Urbano Lugrís (bis)
quen pintou o mar, 
soños dun País!

Ulyses, Ulyses 
Ulyses Fingal (bis)
pintando a Marola
mudou todo o mar.

Canción creada e arranxada por
 Moncho do Orzán e Rodrigo Osorio.
(A recalada do mural) Recepción poética do mural "Vista da Coruña 1830, de Urbano Lugrís" que o Museo de Belas Artes exhibiu por vez primeira ao público o día 21 de decembro de 2013. O Colectivo In Nave Civitas Lugrís, encargouse un ano máis de darlle surrealismo e vida e lembranza ao IV día Lugrís na cidade barco.


Cultura e Educación pon en valor a obra de Urbano Lugrís a través do Museo de Belas Artes da Coruña
A institución cultural proporciona un novo emprazamento permanente ao mural, ‘Vista da Coruña 1830, que pintara o artista nunha vivenda de Madrid
Ven, 20/12/2013 - 20:44
‘Vista da Coruña 1830’
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Museo de Belas Artes da Coruña, colabora na posta en valor de Urbano Lugrís coa apertura dun novo espazo especificamente deseñado para situar de xeito permanente o mural ‘Vista da Coruña 1830’ que o artista galego realizou no ano 1959 na casa madrileña dos seus familiares, os Lugrís-Muñoyerro.

A imaxe permaneceu no domicilio ata finais dos oitenta, no que foi doada polos irmáns Lugrís Alonso-Muñoyerro ao Ministerio de Cultura, que acordou o seu traslado ao Museo de Belas Artes. Esta institución museística foi a responsable da súa restauración, de xeito que o seu estado de conservación actual da peza pode cualificarse de moi bo. A obra reviste unha especial importancia ao tratarse dun dos poucos murais que se conservan en coleccións públicas e que vai a estar exposto dun xeito permanente.

‘Vista da Coruña 1830’

A obra, cunhas dimensións de cento vinte e un por douscentos vinte centímetros e realizada en temple sobre xeso, representa unha vista fabulada e en formato panorámico da cidade da Coruña, co aspecto que esta idealmente tería no ano 1830. A perspectiva urbana que se nos presenta corresponde á fachada portuaria, resaltando de forma onírica os elementos máis representativos: a Torre de Hércules ao fondo de cor rosa, a cidade vella con casas xeométricas de distintas cores, e a baía co Castelo de Santo Antón e, na súa contorna, distintas embarcacións.
Neste enlace pódese ver o mural:
http://museobelasartescoruna.xunta.es/index.php?id=70&idc=2395

Fonte: http://www.edu.xunta.es/web/node/11404



Xanrei, por Roberto da Librería Sisargas

(Debuxo inspirado no tango de José Biobardi)



Habitación do vello mariñeiro
Bar Borrazás (rúa do Orzán, A Coruña)


Presentación atlántica (e mundial) d´A marea no Xanrei do tanguero -probablemente coruñés- José Biobardi. Música: Xurxo Souto. Intéprete: Nacho López.


A MAREA NO XANREI

Eu varado no Xanrei
agardo por miña amada,
baixo a luz do albor,
nesta rocha fronteiriza
entre o meu mundo e o seu
na que vivimos os dous
unha hora cada día,
unha pinga no eterno,
antes de saír o sol.
Na que bailamos ben xuntos
e nos amamos a modo
antes de saír o sol.

Retrouso:

Sube coa lúa
a melancolía
preamar ás oito
-anunciaba o diario.
A máis afouta onda
móllame o corazón
móllame o corazón
que se torna pesado.

Ninguén aprobou o noso,
advertíronnos ben cedo
que cerca estaba o final:
"Nunca un home mariño
e unha mariscadora
xuntos poderán vogar!"
Pero todos estes meses
de soñar e bailar xuntos
foron quen de me enganar
crin que dúas vontades
lonxe de todo prexuizo
poden vaciar o mar.

(Retrouso)


Onte non veu á cita
e a ausencia sen aviso
confirmoume o peor
que o seu bico doutro día,
un trebón nas nosas bocas,
anunciábame o adiós,
o naufraxio das linguas,
o pique da miña vida,
a quebra do corazón,
o afundimento de todo
o garete das palabras
a deriva do aló.

(Retrouso)

Grazas ao esforzo e teima do noso compañeiro do Colectivo In Nave Civitas Lugrís Rodrigo Osorio podemos disfrutar hoxe en día deste Tango galego tan pegadizo.

Rodrigo Osorio:

José Biobardi foi un coñecido cantante de tangos bonaerense que na década dos vinte competiu en xusta lid con Gardel polo cetro de rei do tango, a súa querencia pola bohemia e o hampa, e o seu nulo control das súas máis baixas pasións fixerónlle ser moito mellor cantante, autor e intérprete que Carlitos pero menos de fiar para as compañías discográficas, polo que hoxe é un descoñecido do que só disfruta un selecto grupo de melómanos sibaritas.

Biobardi morreu, como non podía ser doutro xeito, nunha liorta nun modesto lupanar, hoxe visitado por moitos dos seus seareiros.

Aquilino Fernández Artelo no breve ensaio As orixes galegas do tango (Imprenta de la Universidad Nacional de Buenos Aires, 2003). sostén que “Biobardi” era un falso apelido pseudo italián que usou un inmigrante coruñés, Xosé Falperra, como nome artístico na escea porteña. Baseaba a súa tese no falso lunfardo que adoitaba empregar Biobardi nas súas letras, plagado de galeguismos (por exemplo o “asiña”, empregado na súa coñecida milonga “Tango y medio”), na testemuña dalgún dos seus veciños e no ruxerruxe de que José levaba tatuada unha Torre de Hércules no peito.

O número 17 da revista arxentina A media luz ven de publicar A marea no Xanrei, de José Biobardi con este texto explicativo das circunstancias do seu achado:

O texto que hoxe publicamos apareceu escrito no reverso dunha factura de alugueiro dentro dun exemplar de Romancero gitano cheo de anotacións feitas pola man do gran tanguista José Biobardi. A lingua na que está escrito é, como saberán a maioría dos nosos lectores, galego o que semella confirmar as recentes teorías sobre a orixe española do célebre tanguista, (...)

A aparición destes versos semella confirmar (como di o redactor de A media luz) a hipótese defendida por Fernández Artelo. O tanguista escribía as cancións primeiro en galego e logo as vertía ao español deixando algunhas verbas da súa lingua materna que pasaron, por obra e graza da sona que os seus temas tiveron no seu tempo, ao lunfardo. A referencia ao Xanrei so pode confirmar a súa orixe coruñesa pois ise e o nome dun dos cons máis saudosos da costa da Coruña.


Lugrís

Lugrís