Colectivo Literario In Nave Civitas Lugrís
Amosando publicacións coa etiqueta Antón Aviles de Taramancos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Antón Aviles de Taramancos. Amosar todas as publicacións
21º Programa Entrelazados, programa divulgativo en Lingua Galega

coordinado e conducido por Xurxo Gago.

Falando do pintor do mar: Colectivo In Nave Civitas Lugrís [Xurxo Souto, Teresa Ramiro, Rodrigo Osorio e Xurxo Gago]. O Monográfico: [A Coruña que viviu Lugrís da Nosa Terra TV] con Antón Patiño e Xurxo Souto. Música Galega: Colectivo literario In Nave Civitas Lugrís [Rapsodia ao pintor do mar], Nacho López [A Marea no Xanrei], Mercedes Peón [Marés Vivas (O Mar de Portozás)].
Email:entrelazadosnasondas@gmail.com. Twitter:@EntrelazadosRF Blog: http://entrelazadosnasondas.blogspot.com Subscripción ao Podcast:http://www.ivoox.com/s_p2_134729_1.html Emisións: Mércores de 21:00 a 22:00 horas.Reposicións: Venres de 02:00 a 03:00 da madrugada, domingos de 09:00 a 10:00 horas da mañá. Podes descargar a APP da Rádio FilispíM na seguinte ligazón: http://www.appsgeyser.com/getwidget/RadioFilispiM%20APP/ou tamén podes descargar a APP Tunein para escoitar a nosa radio dende un smartfone ou tablet.
Saúde e Océano! 
Despois da fermosa singradura do V día Lugrís, tedes aquí o video reportaxe de tan festiva e agradábel xornada:






Que teñades tod@s unha boísima saída do 2014 e,
 unha marabillosa entrada e próspera e saudábel estancia no ano 2015.
Medre o Mar!
 
Meu gran Urbano, escríboche na badía de Muros a bordo dunha goleta cargada de esmeraldas. Somentes ti podes imaxinar a marabilla que fai o sol brincado de proa a popa. O capitán é un maltés de ollos garzos, barba saladina e un amuleto de nácar sobor do peito. É un home prevenido,  en Quios arrecadou corenta odres de viño brillador e temos festa decote (…) No mencer ergueremos áncoras rumbo a Amberes. ¡Ouh o pantrigo fresco, as vellas tabernas latexantes de acordeón, as tendas estrañas co seu dono de anteollos de cuncha! Mercareiche tódalas pezas de alquimista que atope. Gostaríame que viñeses comigo a contemplar as lizgairas fragatas beilando na badía...Sei que outros horizontes che entreteñen. En que navío andará agora a túa outa humanidade. Lémbrome de cando nos atopamos no porto de Nassau, navegabas entón nun cachemare de leve proa e arriscada vela. O cargamento de ron fixera a túa voz ronca e lonxana. Como queimaba o sol nas amplias praias de Xamaica. Foi alí onde coñecemos a Desdémona e a Niobe…

Velaí un dos textos máis fermosos que coñezo de toda a historia da literatura. Un fragmento da carta Gnómica que en 1959, escribiu Avilés de Taramancos ao seu amigo, o pintor Urbano Lugrís, habitantes excelsos desta cidade-barco.

Como todos os anos –menos derrotismo e máis surrealismo ! - este sábado celebraremos unha nova edición do Día Lugrís.

O colectivo literario In Nave Civitas xa ten todo disposto para que vostede se enrole na tripulación. Entre tanta luz submarina, a reivindicación. Seguimos reclamando protección e medios para restaurar o mural do mestre que campa no medio da Rúa Real, no interior do café Vecchio.

“Menos derrotismo e máis surrealismo”. O vindeiro sábado - o que pintou a Marola pintou a Mar toda !- V edición do Día Lugrís. Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco.


SÁBADO, 20 DE DECEMBRO

17:00 A ARRIBADA DO GRAFITI (Praza José Sellier)  -  Solemne e lírica inauguración do grafiti que recrea unha obra de Urbano Lugrís na Praza de José Sellier, cerna da Coruña lugrisá.  Seguido do tradicional   OBRADOIRO DE PARAUGAS PINTADOS (Praza José Sellier) Xuntarémonos para decorar os nosos paraugas con motivos mariños e lugrisáns cos que logo percorreremos as rúas coruñesas. (Que cada quen leve o seu paraugas, as súas pinturas e toda a súa imaxinación)

17:45 MANIFESTACIÓN ATLÁNTICA E SURREAL (Praza de José Sellier-Xardín de San Carlos) Cos nosos paraugas pintados e unha serpe mariña seguiremos as alancadas diurnas e nocturnas do pintor do mar até atoparnos con a outra metade de Ulyses Fingal: Antón Avilés de Taramancos.

18:30 RECREACIÓN DO INTRE NO QUE ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS COÑECEU A URBANO LUGRÍS. (Xardin de San Carlos) Coa participación de todo o público asistente e Anxo Angueira.

18:45 MANIFESTACIÓN ATLÁNTICA E SURREAL (continuación) (Xardín de San Carlos – Praza do Papagaio) Segunda parte da marcha na que chegaremos até o Papagaio, seguindo os cantos de tritóns e sereas.

20:30 A HABITACIÓN DO VELLO MARIÑO (Monty Ambigú) Recital poético mariñeiro na memoria e honra do Noso Señor Lugrís polos vates mareiros Manuel O'Rivas, Serafín Mourelle e Xosé Iglesias.

Todos os actos deste V día Lugrís son abertos.

Prégase que quen a tivera acuda cunha corna mariña para axudar a encher de sons atlánticos esta xornada e invitamos a que participedes nos actos disfrazados dalgunha das personaxes dos cadros do gran pintor sur-marino.

Máis información:
http://www.aelg.org/
http://innavecivitaslugris.blogspot.com.es/
http://www.omural.es/


Info by:
Biblioteca Central Rialeda. Concello de Oleiros
http://www.oleiros.org/web/concello-oleiros/bibliotecas/biblio/rialeda-perillo
antón aviles de taramancos e urbano lugrís:
unha amizade marítima

Teresa Seara
    
ás veces unha bágoa
coma o mar asolaga o corazón indisoluble

Luz Pozo Garza, "En memoria de Antón" 1  

     Corrían os anos cincuenta e o mundo cultural galego recuperaba paseniño os espacios que lle usurpara a longa e escura posguerra cando Antón Avilés Vinagre chega á Coruña para cursar estudios de Náutica. Era aínda un adolescente pero xa se iniciara na arte da poesía e pronto utilizaría o nome da súa vila natal, Taramancos, en vez do segundo apelido, para asinar os seus textos. Na Coruña, e dado o seu costume de non asistir regularmente ás clases na Escola de Náutica, o xove Antón vai vivir unha serie de experiencias que o abren a novas realidades e serán definitorias tanto na súa arte como na súa propia biografía persoal. Por aquel entón, na cidade atlántica residía Urbano Lugrís, o pintor de mariñas surrealistas e o home que auspiciará o contacto de Avilés cunha intelectualidade na que sobrancean os pintores (Alexandre González Pascual, Xerardo Porto, Xosé Luis, Labra, Concheiro) e onde a farra e a bohemia eran o sinal distintivo. O primeiro encontro entre Avilés e Lugrís producirase, segundo conta o propio poeta en Obra viva 2, no xardín de San Carlos, miradoiro privilexiado sobre a dársena coruñesa, a carón dos versos que Rosalía dedicou a Sir John Moore -o gran mariño inglés que repousa no propio xardín- e que figuran alí inscritos na pedra. Parece ser, tal e como el mesmo di, que Avilés lía o poema en voz alta cando se lle achegou Lugrís recitándoo de memoria. Seguramente se escoitarían de fondo as buguinas dos barcos entrando a porto e a brisa tería arrecendo a salitre no momento de verse por vez primeira como corresponde a dous creadores nos que o mar ten presencia fulcral. A partir de entón, a amizade medrará entre eles e non deixará nunca de enriquecer o mundo persoal do noso autor que atopa en Lugrís algo máis que un compañeiro, un mestre e un guía sendo como eran, ámbolos dous, espíritos afíns.

     Así, e para alén doutras compatibilidades, entre pintor e poeta vai existir sempre unha constante: a presencia do mar, tanto na súa obra como nas súas circunstancias biográficas. Non en van, Avilés naceu fronte por fronte coa ría de Noia que esculcaba desde a súa casa natal de Taramancos, arribou á Coruña coa intención de estudiar Náutica e acabou embarcando cara ás terras ultramariñas nun intento de vivir novas aventuras, por máis que, de fondo, latexase un grave problema económico. Pola súa parte, Lugrís —orixinario da cidade herculina— deuse a coñecer como o gran pintor deses mares tan persoais que enchen os seus lenzos, poboados de seres estraños que só poderían existir nunha cabeza tan imaxinativa como a súa. Mundos submariños onde a vida se concentra nos espacios, nos cuartos cheos de trebellos, caracolas, cartas náuticas, barcos en botellas sempre a faceren unha singradura fantasma... Toda unha imaxinería propia que o gran artista irá creando e que fascina ó xove escritor na súa fonda pegada surreal e fantástica. Así, Avilés atopa nos cadros de Lugrís un mar que, lonxe da súa idealización, se converte no centro de todo e se vive intimamente e isto suscita nel a mesma emoción que os versos de Manuel Antonio lle espertaran e que demostra cando os cualificaba como "un fólego de ar puro" que "viña do mar, e non de contemplar a paisaxe mariña senón da vaga mesmo onde o mar se fai mar e se sente o centro do mundo ou ao menos o centro da soedade do mundo. Desde ese habitáculo que é o navio o home mide-se coas estrelas, que é a medida máis antiga da humanidade" 3 Lendo estas palabras de Avilés non é de recibo que sobre a súa campa figure gravado un veleiro, símbolo da liberdade e da aventura que marcarían a súa vida.

     Con todo, o océano separou fisicamente ós dous amigos cando Avilés emigrou a América mais, aínda nas terras do Cauca, seguían tendo contacto epistolar. Nas súas cartas, Lugrís mantén a ilusión dun reencontro que xa non se producirá pois morre estando aínda Avilés lonxe da Terra. A elexía polo amigo non se fai esperar e así xorde o "Pranto por Urbano Lugrís":
 
Estou agora, Urbano, mordendo unha flor negra no medio da vida
cunha sede abismal de beber tódalas cráteres do mundo
de onde vai saír a túa voz de capitán antigo
bruando coma un temporal oceánico, ou acaso o balbordo
das caballeiras silúricas onde zunía-lo teu corno de ouro.
Estou inerme debaixo da besta apocalíptica
torcéndolle os testículos: son o profesta enfurecido
que non pode entende-la túa morte, a túa morte, a túa morte.
¿Quen vai coidar agora dos soños na fronteira da Patria?
Ouh, guardián terrible. Argonatura, Vello titiriteiro conmovido.
Esta noite zugo o viño máis ácedo. Esta noite cavo leguas
profundas de memoria pra camiñar contigo novamente,
agardo vixiante nas illas mais remotas a túa fragata,
a túa nave inconsútil.
Asisto cun ferro atravesado nas virillas
ó enterro da miña mocedade. E escoito
a treboada universal cando derruban a pirámide
e os cabalos das batallas pisan aqueloutrados
o noso tempo
onde a túa grande man de mariñeiro crepuscular
prendía os astros.
Asoballado por única vez, cun lobo famento nas arterias,
atravesas un país xiado
e cantas con voz rouca nos subterráneos boreais o teu amor
e un milleiro de defuntos apodrecidos pola ira
cóbrense entón de rosas e lembran o fulgor da súa terra.
Se non fora tan lonxe, ¡con que ardentía de compañeiro de catástrofe
tiña de calafatea-los teus ósos, coutando con barro elemental
esa longa ferida
que un deus sen pálpebras furou na túa illarga!
Era-la derradeira esperanza do mundo. Pastor de naves,
cun corazón multicolor de tirreme fenicia
amába-la rota fundamental dos exploradores celestes
e intimamente andabas
polos tellados vestido de astronauta galego.
¡Meu amigo sobrenatural!
Hoxe desexo, tanto coma Ulises, atopar unha barca que me leve
ás costas de Galicia. Son prisioneiro dunha forza estraña.
Navegamos a cegas por ríos diferentes
e o noso canto retumba nos confíns da saudade,
os dous loitamos con yatagáns de aceiro contra o tempo,
o teu xa tan preciso, o meu tan vago, fuxidío
que me acoitela en tódolos recantos.
¡E esa dor e non verte, meu amigo! 4

     Non sería este o único texto que Avilés dedicase a Lugrís 5 pero si o máis significativo por canto foi escrito cando aínda experimentaba o poeta a viva conmoción pola noticia do falecemento do seu compañeiro 6. No pranto, o mundo mariño axuda a crear unha atmosfera de sufrimento extremo mentres se procura a nave fantasmagórica que conduce ó amigo morto cara ó alén. A elexía diríxese á morte da persoa pero nunca á do sentimento de amizade que seguirá vivo en Avilés ata a fin dos seus días, tal e como o demostra cando fala de Lugrís nos seguintes termos:

"Sinto aínda o calor da sua grande man amparando-me. Agora que non sei onde andan o seus ósos, atropelados aínda despois da morte polo destino implacável, e sinto a preséncia afectuosa e imensa de Urbano Lugrís guiando a miña man para desvelar o mistério dun verso ou para abranguer unha paisaxe ida na que de súpeto cruza unha fragata e chega un arrecender antigo de mercadorias e de portos nocturnos nos que só el podia entrar e abrir-me as portas" 7.    
     Pois, quen coñece todos os mares, os fondos abisais e os máis recónditos rincóns, nunca abandona a singradura nin se deixa sucumbir perante ese "crime tan escuro/ de asesiñar veleiros triunfadores" 8. Veleiros como foron Antón Avilés de Taramancos e Urbano Lugrís entrelazando os seus ronseis.


---------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
[1] 
Cfr. Luzes de Galiza, 21, 1993, p. 13.
[2]  Cfr. Avilés de Taramancos, Antón, Obra viva, Laiovento, Santiago de Compostela, 1992, p. 213.
[3]  Cfr. Avilés de Taramancos, Antón, "Manuel Antonio: revolución permanente", artigo publicado en xuño de 1991 e recollido en VVAA, Antón Avilés de Tarmancos, A Nosa Terra, Colec. "A Nosa Cultura", 21, 2002, p. 55.
[4]  Orixinariamente publicado en La Voz de Galicia o 11 de xuño de 1974, este poema figura recompilado dentro de Os poemas da ausencia II no volume O tempo no espello, Ed. do Castro, Sada (A Coruña), 1982, pp. 167-168 de onde o reproducimos.
[5]  Aí están os dous poemas que aparecen en Os poemas da ausencia II (Cfr. O tempo no espello, Op. cit., pp. 127-130) e tamén, entre outros escritos, a "Carta gnómica a Urbano Lugrís" (La Noche, 1959, logo reproducida en VVAA, Antón Avilés de Taramancos, Op. cit., p. 59) e os artigos que aparecen en Obra viva: "A contraluz. Urbano Lugrís" (pp. 69-70) e "Arte submariña" (pp. 213-216).
[6]  O propio poeta explica que "Algún día chegou-me á selva de Casenare o seu SOS da miséria, pero xa non puiden máis que facer o PRANTO polo amigo morto. Estou certo que a pantasma benquerida de Urbano Lugría chegou-me naqueles dias ao mato do Amazonas, pois anduven un tempo ulindo a mar no medio da planura" (Cfr. Obra viva, Op. cit., pp. 215-216).
[7]  Cfr. Obra viva, Op. cit., p. 69.
[8]  Cfr. O tempo no espello, Op. cit., p. 129. Estes versos pertencen ó primeiro dos poemas que, incluídos dentro de Os poemas da ausencia II (1969), dedica Avilés a Urbano Lugrís.




V DÍA LUGRÍS

20 DE NADAL DE 2014


17:00 A ARRIBADA DO GRAFITI
(Praza José Sellier)

Solemne e lírica inauguración do grafiti que recrea unha obra de Urbano Lugrís na Praza de José Sellier, cerna da Coruña lugrisá.

Seguido do tradicional

OBRADOIRO DE PARAUGAS PINTADOS
(Praza José Sellier)

Xuntarémonos para decorar os nosos paraugas con motivos mariños e lugrisáns cos que logo percorreremos as rúas coruñesas.

(Que cada quen leve o seu paraugas, as súas pinturas e toda a súa imaxinación)


17:45 MANIFESTACIÓN ATLÁNTICA E SURREAL
(Praza de José Sellier-Xardín de San Carlos)

Cos nosos paraugas pintados e unha serpe mariña  seguiremos as alancadas diurnas e nocturnas do pintor do mar até atoparnos con a outra metade de Ulyses Fingal: Antón Avilés de Taramancos.

18:30    RECREACIÓN DO INTRE NO QUE ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS COÑECEU A URBANO LUGRÍS.
(Xardin de San Carlos)

Coa participación de todo o público asistente e Anxo Angueira.
 
18:45 MANIFESTACIÓN ATLÁNTICA E SURREAL (continuación)
(Xardín de San Carlos – Praza do Papagaio)

Segunda parte da marcha na que chegaremos até o Papagaio, seguindo os cantos de tritóns e sereas.

19:30 A HABITACIÓN DO VELLO MARIÑO
(Monty Ambigú)

Recital poético mariñeiro na memoria e honra do Noso Señor Lugrís polos vates mareiros Manuel O'Rivas, Serafín Mourelle e Xosé Iglesias.

  
Todos os actos deste V día Lugrís son abertos.

 Prégase que quen a tivera acuda cunha corna mariña para axudar a encher de sons atlánticos esta xornada e invitamos a  que participedes nos actos disfrazados dalgunha das personaxes dos cadros do gran pintor sur-marino. 
 
Benquerid@s mareantes!

Como todos os anos por estas datas o colectivo literario In nave civitas, a asociación cultural O Mural e a asociación de escritoras e escritores en lingua galega estamos organizando o Día Lugrís no que celebraremos na Coruña a pintura e a poesía de Urbano Lugrís.

Entre outros actos este ano queremos deixar para tod@s @s que pasen pola Coruña un grafiti cunha das obras do pintor do mar para o que xa temos todo preparado.

O mural estará na parede medianeira -hoxe baleira- de praza de José Sellier, cerna da Coruña lugrisán.

O custo orzamentado para este grafiti (artistas, pinturas, permisos, taxas, seguros, etc...) é de 1.200 €.

Os andamios non engordan o orzamento porque grazas a xestión de MAS arquitectura prestóunolos a empresa Desarrolla.

Queremos solicitar a vosa colaboración económica para poder levar adiante esta obra.

Podedes ingresar os cartos na seguinte conta corrente de ABANCA:



IBAN ES30 2080 3103 1430 0002 3625

Non hai unha cantidade mínima para a achega e para facilitar as cousas en breve os informaremos de algúns locais nos que disporemos de petos para recoller aportacións.

Tod@s aquel@s que contribuádes poderedes -se queredes- ver o voso nome ao pé do grafiti. Deixalo claro no concepto da transferencia ou nun sobre ao facer a achega nun dos petos.

Nas páxinas web de In nave Civitas (http://innavecivitaslugris.blogspot.com.es/) e  O Mural (http://www.omural.es/) publicaremos os cartos acadados e o destino que lles damos para que tod@s poidades comprobalo.

Como sabemos que tedes xenerosidade abonda e imos conseguir máis cartos dos precisos comprometémonos con vós a destinar o sobrante para a organización do VI día Lugrís (2015), máis concretamente para financiar novos grafitis lugrisáns o de inspiración mareira para a cidade da Coruña.

Grazas pola vosa colaboración e pregámosvos que difundades esta iniciativa para poder levar a cabo esta intervención cultural cidadá.
Medre o mar!








Colectivo In Nave Cívitas Lugrís, no día de Urbano Lugrís, día da Acción Lugrís no Borrazás, (café moi querido por Lugrís no seu tempo) nunha cuchipanda lugrisiá comandada por Xurxo Souto, cos espíritos de Antón Avilés de Taramancos, Urbano Lugrís e Álvaro Cunqueiro.
Lemas máis coreados foron:

"Océano"

"Oooooorrrrrzáaaannn"
"Oooooorrrrrzáaaannn"
"Oooooorrrrrzáaaannn"

"Medre o Mar"

"Menos derrotismo e máis surrealismo"

"Coiteladas de vida, coiteladas de sal"

Lugrís

Lugrís