Colectivo Literario In Nave Civitas Lugrís
Amosando publicacións coa etiqueta Urbano Lugrís González. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Urbano Lugrís González. Amosar todas as publicacións
 
Saúde e Oceáno!

Pasaban pola rúa Mantelería algo cansos e suorosos: e cando pasaron pola Estrela, viron unha formigoneira preto do mural de Outón e teméronse o peor.

Achegáronse ao sitio e viron o que indican as fotos, a destrucción case total do mural. Ana entrou, estivo falando cos obreiros, éstes lle pasaron ao móbil ao capataz (que lle comentou que lle dera moita pena ter que destruir a pintura de Outón para facer a obra) pero que nos cedería o único que se consevaba enteiro: a porta de ferro.

Despois de cargar con ela ata casa (vivan os teitos altos dalgunhas casas da Coruña) agora temos a porta na entrada .

Unha triste historia surrealista innavecivitiana!

Medre o mar!

O como di a nosa porta "e o Mar"

Ana e Ro

Da Galipedia, a Wikipedia en galego.

Urbano Lugrís González, nado na Coruña o 28 de xaneiro de 1908[1] e finado en Vigo o 23 de decembro de 1973, foi un pintor galego, fillo de Manuel Lugrís Freire, un dos fundadores da Real Academia Galega, e Purificación González, pianista de gran sensibilidade. Foi pai do tamén pintor Urbano Lugrís Vadillo.

Traxectoria

No seu contorno familiar aprenderá a amar a música, a gozar da lectura, a dominar a arte do debuxo, e a convivir con personaxes da cultura galega que influirán de forma importante na súa formación.
Desde neno sentiuse especialmente atraído polo mar azul da súa terra, no que decidirá mergullarse, facendo para sempre das súas augas e fonduras o seu lugar habitual de ensoñación.
A súa vida está chea dunha actividade creadora pouco común, que lle permitirá plasmar as súas inquedanzas artísticas en medios tan diversos como a poesía, o teatro, a pintura e incluso a arquitectura (Ermida do santuario dos Santos Reis, Bueu 1948-49).
Bohemio de vocación, mantivo unha intensa vida cultural no Madrid republicano a carón de figuras relevantes da época como Federico García Lorca, Rafael Dieste, Rafael Alberti ou Álvaro Cunqueiro, participando nas Misións Pedagóxicas como escenógrafo e guiñolista, e na publicación de revistas como Brétemas, da que foi o gran vertebrador.
De volta a Galiza seguirá movéndose en círculos literarios e pictóricos, dando renda solta a súa capacidade de gran falador; así tan pronto recitaba a un clásico facendo uso dunha memoria prodixiosa, como narraba unha das súas múltiples anécdotas coas que moitas veces foi fabulando a súa propia lenda.
Foi un gran ilustrador de libros e co seu labor de dirección e creación na revista Atlántida demostrou unha nova faceta do seu carácter: a súa capacidade de traballo.

Estilo

Pintor valente e rompedor. No seu estilo pictórico os críticos atopan semellanzas co metafísico Chirico, co surrealismo de Rene Magritte nas súas visións oníricas e con Patinir, O Bosco, e Brueghel no seu barroquismo das formas e a súa minuciosidade.
Dominou tódalas técnicas: óleo, serigrafías, collage, muralista, tinta chinesa sobre papel...
Tematicamente a súa obra está chea de referencias ó mundo céltico e as profundidades mariñas cunha composición escenográfica case constante.
Desde a morte da súa muller no 1961, Urbano Lugrís debaterase nun ir e vir de fondas depresións, máis entre unha e outra seguirá pintando coa mesma forza e riqueza imaxinativa que o caracterizou sempre, ata o mesmo ano da súa morte; nadal do 1973 na cidade de Vigo.

Recoñecemento

En 1997 organizouse a mostra máis ampla do pintor, Urbano Lugrís, Viaxe ao redor do meu mundo, comisariada por Rosario Sarmiento e Antón Patiño. Tivo lugar no Círculo de Belas Artes de Madrid e no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.
Antón Patiño Pérez publicou o libro Urbano Lugrís: Viaxe ao corazón do océano (Ed. do Castro, 2007), que abrangue a vida, obra e lenda de Urbano Lugrís. Análise da súa pintura e do seu labor literario asinado co alcume de Ulyses Fingal ao través de relatos e poemas vencellados ao mundo do mar.
Luís Rei Núñez publicou O señor Lugrís e a negra sombra (Xerais, 2007), novela baseada nos últimos anos da vida do pintor.

Descuberta

A principios de decembro do 2008 foi descuberto nos baños dun restaurante da Coruña un mural seu durante as obras de reforma do local. A obra representa un reloxo de péndulo que marca as tres en punto e do que penduran dous chourizos, así coma a frase "Unha cunca de viño e faise o camiño". A autoría da obra foi confirmada "sen a máis mínima dúbida" polo seu fillo Urbano, [2].


































 Vista da Coruña,1830, de Urbano Lugrís.
(Trátase dun mural que o pintor do mar fixo nunha parede dun piso duns familiares seus en Madrid. Cando estes venderon o piso tiveron a sensibilidade e xenerosidade de doarlo e hoxe está no depósito do Museo de Belas Artes da Coruña. O 21.12.2013 despois do traballo necesario para poder exhibirlo ao público o Museo o presentará en sociedade por vez primeira dentro das actividades do IV día Lugrís. — en Museo De Belas Artes Da Coruña.)
O colectivo In Nave Civitas Lugrís e a asociación cultural O mural celebran o IV Día Lugrís para lembrar e honrar a memoria do Noso Señor Urbano Lugrís:

Programa:
(Aínda provisional en canto ás horas)

18:00-18:45 (No adro do Museo de Belas Artes da Coruña) xuntarémonos para decorar paraugas con motivos mariños e lugrisáns cos que logo percorreremos as rúas coruñesas.

19:00-19:45: (A recalada do mural) Recepción poética do mural de Urbano Lugrís "Vista da Coruñá 1830, de Urbano Lugrís" Que o Museo de Belas Artes exhibirá por vez primeira ao público ese día.

20:00-21:00 (Manifestación atlántica) Cos paraugas decorados abertos e desde o Museo de Belas Artes da Coruña a praza Sellier (Rúa Real, Obelisco, Cantóns. Rúa Estrela, Rúa Manteleria, Rúa Santo André e Praza Sellier) percorrendo algúns dos lugares da vida do gran artista do mar, visitando os murais que se conservan e o grafiti que fai un ano fixo Outón na rúa Manteleria.

21:00-22:00 (A habitación do vello mariño) Praza José Sellier: recital artísitico na memria do Noso Señor Lugrís.

Convídase a todas as persoas a participar en calquera ou todos os actos organizados para ese día.

Acudan cos seus paraugas, pinturas, buguinas, vieiras e o espíritu morno e mítico da obra de Urbano Lugrís.

Medre o mar!





"O Berro Mollado" de Pablo Outón. O sábado 22 de decembro no III Día Lugrís, formando parte do colectivo In Nave Civitas Lugrís nunha "cuchipanda lugrisiá". 
"Menos derrotismo e máis surrealismo"
 Os espíritos de Antón Avilés de Taramancos e Urbano Lugrís estiveron con nós toda a fermosa xornada vivida. Toda unha homenaxe Grafiteira e cantareira e surrealista no centro dos pasadelos da cidade barco A Coruña.










Colectivo In Nave Cívitas Lugrís, no día de Urbano Lugrís, día da Acción Lugrís no Borrazás, (café moi querido por Lugrís no seu tempo) nunha cuchipanda lugrisiá comandada por Xurxo Souto, cos espíritos de Antón Avilés de Taramancos, Urbano Lugrís e Álvaro Cunqueiro.
Lemas máis coreados foron:

"Océano"

"Oooooorrrrrzáaaannn"
"Oooooorrrrrzáaaannn"
"Oooooorrrrrzáaaannn"

"Medre o Mar"

"Menos derrotismo e máis surrealismo"

"Coiteladas de vida, coiteladas de sal"


  Urbano Lugrís
 20:00 horas. Ao pé do obelisco.










Ao son da gaita e o tambor debuxamos nos nosos paraugas motivos mariños para lucir na manifestación atlántica que nos levou atá o lugar no que Urbano Lugrís tivo o seu estudio (Rúa da Estrela).

Os siareiros do pintor sur-marino manifestámonos aos gritos de

“O que pintou a marola, pintou a mar toda!”

“Menos derrotismo e máis surrealismo!”

Unha manifestación a favor que foi recibida polas terrícolas e os terrícolos con acenos de asombro.



20:30 horas. Camarote submarino.





Na rúa da mantelería, Pablo Outón rematou o seu frustrado grafite do ano pasado nunha das paredes que pechaba o estudio no que Urbano Lugrís pintou moitas das obras das que tanto gustamos.

No 2011 cando estaba pintando a policía do Concello retiroulle o materia e a pintura quedou a medias. Este ano, xa con licenza municipal, a rúa de Mantelería conta cun novo grafite.


(Pablo Outón retoca o grafite mentras entoa o berro mollado) 
 
Despois da cea pasamos a ver o grafite e Outón dixo: "As pinturas, como ás mulleres, hai que velas de día!” 

A mañá seguinte a obra estaba así:





21:00 horas. A habitación do vello mariñeiro.



Acto poético do colectivo In nave civitas no bar Borrazás (rúa do Orzán)



Xosé Iglesias:

TRANSFUSIÓN OCEÁNICA

Eu, creo que sou humano reconvertido,
e sinto, que nalgún momento
sufrín transfusión oceánica,
porque esta sangue do meu corpo
non é sangue, é sangue salgada.
Sinto tamén que sufrín metamorfose,
non é nariz a miña senón proa,
non son brazos os meus senón amuras
e as miñas costelas cadernas…
Todo min forma un esqueleto naval.
E esa barriga que se afunde no mar
estabilidade contras as ondas de costado.
Son humano, son barco, son tantas cousas.....
Eu, creo que son árbore, porque sempre me chove,
sempre me venta, sempre me dá o sol.
tamén creo que sou paxaro, porque os peixes
venme   voar   entre  as  ondas, e subo, baixo,
fago  siluetas acrobáticas ou  simplemente voo raso.
Así me ven, un paxaro voando no océano…
Miran cara enriba, e alí estou coa proa,
as amuras, a popa, a barriga, o eixe…
Eu son mariñeiro,  e  o mar móllame   a  alma,
salinízame e golpéame o corazón.
e eu, non podo  facer máis nada,
senon  ser   árbore,  ser barco,  ser  paxaro...
en serio,  nada podo  facer,

NADA, PORQUE MARIÑEIRO SOU.

Teresa Ramiro:

Se queres escrever este país, aprende primeiro a lé-lo
Mía Couto

A RABALEIRA

Sobre a pedra de A Rabaleira
deslizan seus sonhos ,os percebeiros,
sombras dunha esperanza que se quebra
coma a onda na crista dos rochedos.
Coiteladas de vida
coiteladas de sal !...

Rabaleira ti es pedra ,eles son carne,
terra e vento ,inmersos no mesmo mar.
Sobre o teu ventre fecundo brincan
enchendo de vida o cesto dos sonhos.

Coiteladas de vida
coiteladas de sal !...

Con sorrisos de escuma mordendo con furia,
sedento de sombras , en doce cantiga,
vestindo de lágrimas un berro amargo,
o mar os arrola ,roubándolles a vida.

Coiteladas de vida
coiteladas de sal!...

NO MAR CRECERÁN SEMPRE ROSAS.

Destes versos tirou unha música Xurxo Souto que interpretou por vez primeira ese día.




Xurxo Gago recitou O Grelle, un poema que naveraría centos de millas  no interior dunha botella para chegar a unha praia de Irlanda, pero iso é outra historia.
 Xurxo Gago:

O GRELLE

Baixo o ceo do atlántico
un pequeno recuncho resgardado
tralos meixóns do Gancho,
O Grelle, co seu areal dourado.
Augas verdes, fitoplacton,
diversidade de fauna e flora
nun mundo máxico mergullado
de centolas e de gorgonias,
de nudibranquios e de esponxas,
somerxido lenzo debuxado
pola natureza benfeitora
nun atraente lugar enfeitizado.
Teno escrito na súa historia,
aqueles tempos de paga e cobra,
do pagadoiro do fielato,
e os consumeiros noutrora,
naqueles tempos do pasado,
mercadorías e manobras
cobradores entregaban robras
e O Grelle teno gravado.
Neste recuncho resgardado
dos ventos recollido
vese un mundo ven pintado
de fortes cores moi vivos.
É O Grelle refuxiado,
na cidade dos sentidos,
na Coruña, cidade barco
a dos futuros soños cumpridos.


Logo, Serafin Mourelle, patron do mar de Irlanda, recitou dos poemas que ainda non se puideron recuperar para incorporar a esta crónica.



Manuel Rivas uniuse ao acto e recitou:

MEU AMOR CONTRABANDISTA

Meu amor anda ás crebas pola beiramar.
Vai preñada de vento,
vai preñada de néboa,
do lóstrego vai,
todo o apaña
apáñao todo
coa luz beatísima do seu vesgo ollar.
O ben que se leva co temporal,
como o amansa,
24 fotogramas por minuto,
a dureza mística,
a luz facinorosa
do seu pestanexar.
E el dálle zapatos sempre do mesmo pé,
o andar dos deuses coxos do mar.
Meu amor enche o ventre
de seixos silábicos,
de runas, de aghoams,
de voces baixas,
pictogramas coprófagos
que crían nos excrementos da lúa.
Meu amor anda ás crebas pola beira da esfera,
nas estradas solitarias,
no ceo dos manequíns
onde rompen as nubes,
nos cemiterios dos pingüíns xigantes
cos seus portafolios de naturezas mortas.
Vai preñada por dentro,
cara dentro,
como unha guía en tempo de éxodo.
Ese ollar delincuente,
ese corpo de contrabandista de seda,
esa voz rouca.
Durmía cos ollos abertos meu amor.
Non sei vivir
sen o rumor do seu vesgo ollar.
Meu amor anda ás crebas na noite.
Apaña os restos aleixados
do ben e do mal,
un cargamento ultramarino de esdrúxulas,
un fardo de cousas septiformes,
o contedor de frascos de potencias da alma.
Veni Sancte Spiritus,
meu amor atopou ao bébedo Xonás.
Meu amor di que Xonás era el o gran peixe.
Xonás preñado de seu,
de abismo.
Meu amor funde os pés na area,
leva no ventre un arfar canso de nai virxe,
un canto de gorxa inuit,
o nome impronunciábel do mesmo temporal.
Meu amor vai parindo de pe
o poema da illa.
Cercada polas ondas,
o corpo aberto,
a ollada fértil,
as mans vesgas
a amasar,
a levedar o tempo petrificado.
Et tui amoris in eis ignem accende
and kindle in them the fire of thy love.
Meu amor enténdese co mar,
ese fillo de puta,
meu amor.



Epílogo: A cea coruñesa. (Cosmoba, rúa do Orzán)


O noso señor Lugrís inventou o que deu en chamar o "menú tradicional coruñés" que de acordo coas testemuñas consistía en:
- Tortilla de longueiróns de Bastiagueiro - Faneca de pilo (de Riazor) - Ternera lardeada con pementos de Betanzos - Sobremesas: canas con limón e canela, papas de arroz á vainilla e queixo de Texeiro. - Viños do Ribeiro, tinto er blanco, e agudelo de Betanzos. - Café e licores. - Farias da fábrica de tabacos da  Coruña

Ante as imposibilidades física (moitos dos produtos xa non existen nin os nosos estómagos serían quen de soportar a inxente cantidade de comida) de reproducir a mítica cea coruñesa que argallou Lugrís, Xurxo Souto encargou aos do Cosmoba unha cea mariñeira digna do noso señor Urbano Lugrís.



Como proba os dous platos principais:





O postre foi unha contundente larpeira cuberta de chiculate.

Comida, viño, música e ledicia... Que mellor xeito de celebrar a obra de Urbano Lugrís?







E -como di o noso capitán (Xurxo Souto)- para rematar... Que continúe!



Medre o mar!

Coiteladas de vida! Coiteladas de sal!

Lugrís

Lugrís