Da Galipedia, a Wikipedia en galego.
Urbano Lugrís González, nado na
Coruña o
28 de xaneiro de
1908[1] e finado en
Vigo o
23 de decembro de
1973, foi un pintor galego, fillo de
Manuel Lugrís Freire, un dos fundadores da
Real Academia Galega, e
Purificación González, pianista de gran sensibilidade. Foi pai do tamén pintor
Urbano Lugrís Vadillo.
Traxectoria
No seu contorno familiar aprenderá a amar a música, a gozar da
lectura, a dominar a arte do debuxo, e a convivir con personaxes da
cultura galega que influirán de forma importante na súa formación.
Desde neno sentiuse especialmente atraído polo mar azul da súa terra,
no que decidirá mergullarse, facendo para sempre das súas augas e
fonduras o seu lugar habitual de ensoñación.
A súa vida está chea dunha actividade creadora pouco común, que lle
permitirá plasmar as súas inquedanzas artísticas en medios tan diversos
como a poesía, o teatro, a pintura e incluso a arquitectura (
Ermida do santuario dos Santos Reis,
Bueu 1948-49).
Bohemio de vocación, mantivo unha intensa vida cultural no
Madrid republicano a carón de figuras relevantes da época como
Federico García Lorca,
Rafael Dieste,
Rafael Alberti ou
Álvaro Cunqueiro, participando nas Misións Pedagóxicas como escenógrafo e guiñolista, e na publicación de revistas como
Brétemas, da que foi o gran vertebrador.
De volta a
Galiza
seguirá movéndose en círculos literarios e pictóricos, dando renda
solta a súa capacidade de gran falador; así tan pronto recitaba a un
clásico facendo uso dunha memoria prodixiosa, como narraba unha das súas
múltiples anécdotas coas que moitas veces foi fabulando a súa propia
lenda.
Foi un gran ilustrador de libros e co seu labor de dirección e creación na revista
Atlántida demostrou unha nova faceta do seu carácter: a súa capacidade de traballo.
Estilo
Pintor valente e rompedor. No seu estilo pictórico os críticos atopan semellanzas co metafísico Chirico, co
surrealismo de
Rene Magritte nas súas visións oníricas e con
Patinir,
O Bosco, e
Brueghel no seu
barroquismo das formas e a súa minuciosidade.
Dominou tódalas técnicas: óleo, serigrafías, collage, muralista, tinta chinesa sobre papel...
Tematicamente a súa obra está chea de referencias ó mundo céltico e as
profundidades mariñas cunha composición escenográfica case constante.
Desde a morte da súa muller no
1961,
Urbano Lugrís debaterase nun ir e vir de fondas depresións, máis entre
unha e outra seguirá pintando coa mesma forza e riqueza imaxinativa que o
caracterizou sempre, ata o mesmo ano da súa morte; nadal do
1973 na cidade de
Vigo.
Recoñecemento
En 1997 organizouse a mostra máis ampla do pintor,
Urbano Lugrís, Viaxe ao redor do meu mundo, comisariada por Rosario Sarmiento e Antón Patiño. Tivo lugar no Círculo de Belas Artes de Madrid e no
Auditorio de Galicia de
Santiago de Compostela.
Antón Patiño Pérez publicou o libro
Urbano Lugrís: Viaxe ao corazón do océano (
Ed. do Castro,
2007), que abrangue a vida, obra e lenda de Urbano Lugrís. Análise da
súa pintura e do seu labor literario asinado co alcume de Ulyses Fingal
ao través de relatos e poemas vencellados ao mundo do mar.
Luís Rei Núñez publicou
O señor Lugrís e a negra sombra (
Xerais, 2007), novela baseada nos últimos anos da vida do pintor.
Descuberta
A principios de
decembro do
2008 foi descuberto nos baños dun restaurante da
Coruña un
mural seu durante as obras de reforma do local. A obra representa un
reloxo de péndulo que marca as tres en punto e do que penduran dous
chourizos, así coma a frase "
Unha cunca de viño e faise o camiño". A autoría da obra foi confirmada "
sen a máis mínima dúbida" polo seu fillo
Urbano,
[2].