Colectivo Literario In Nave Civitas Lugrís
Amosando publicacións coa etiqueta Encontro Taramancos - Lugrís. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Encontro Taramancos - Lugrís. Amosar todas as publicacións
Foto: Xurxo Gago 



O son da corna mariña pola rúa Real da Coruña pasou, na tardiña baixa do sábado 20, unha peculiar manifestación. As luminarias dos comercios despregaban toda a súa cegadora potencia de Nadal. E a clientela saía desconcertada ás portas, chamada polos sons dunha ducia de buguinas e unhas estrañas consignas. Berrabamos: "¡O sol pode brillar calquera noite!". E logo: "¡Sempre a barlovento; nunca a sotavento". E un pouco máis adiante: "¡Menos derrotismo; máis surrealismo!". E xa entrando na praza de María Pita: "¡Menos economía; máis poesía!". Achegóuseme un home: -Isto qué é, ¿unha manifestación dos de Alcoa?. -Non, señor. E unha manifestación surrealista. Faise unha homenaxe ao pintor coruñés Urbano Lugrís, que morreu un 23 de decembro de hai 41 anos. -Ah, vale!, dixo. E quedou medio pasmarote, ollando calado esa estraña agrupación humana.

Era o V Día Lugrís no que tiven a honra de participar. Convidado pola asociación "In nave civitas", esta celebración percorre as rúas coruñesas que foron máis amenas ao enorme pintor surrealista. No medio do percorrido entramos, como non, no Café Vecchio, onde unha xigantesca obra lugrisiá asombra e dignifica o lugar. Unha peza que, despois de anos de deterioro, loita agora por ser recoñecida como Ben de Interese cultural, grazas á teima da asociación O Mural.

Xurxo Souto, un dos artífices deste movemento de protesta creativa, surrealisa e oceánica, explicaba aos clientes do Vecchio -que se degoraban no seu lecer de tarde de sábado- o significado do mural e o significado tamén da nosa marcha. Mentres Moncho do Orzán, co acordeón e logo coa gaita, dirixía a súa "Rapsodia Lugrís" que entoaba a coro o grupo manifestante: "Urbano Lugrís, / quen pintou no mar / soños dun país!".

En 2008 tiven a oportunidade de editar un libro de Lugrís. O único libro de Lugrís. A obra que el quixera publicar en vida, pero que non chegara a completar. Titúlase Balada de los martes del norte e xunta poemas, contos e ensaios, en galego e castelán, recompilados e estudados pola profesora Olivia Rodríguez-Tudela. O libro foi tamén un dos protagonistas -xunto co recital de Manuel Rivas, Serafín Mourelle e Xosé Iglesias- desta quinta edición do día Lugrís.

O combate pola cultura, polo surrealismo e pola liberdade oceánica non terá fin. Pois, como exclamou Xurxo Souto: "¡E de remate, que continúe!".
EDITOR E XORNALISTA
 
QUIQUE ALVARELLOS

Lugrís

Lugrís