Colectivo Literario In Nave Civitas Lugrís

A Coruña das Irmandades da Fala




Roteiro da Coruña das Irmandades da Fala, con saída en barco dende Ferrol con acompañamento de Xurxo Souto e Moncho do Orzán, roteiro pola histórica Coruña das Irmandades e volta a Ferrol. Un estupendo acto organizado pola Asociación Cultural Roxín Roxal.


 
Fotos e Vídeo de Xurxo Gago
Música: Aurora Nordestina e Mercedes Peón
  
Hemeroteca:

Un aniversario salgado e musical

O colectivo Roxín Roxal organiza un roteiro en barco desde Fisterra até A Coruña para celebrar o centenario das Irmandades da Fala

28.09.2015 | 01:09
Moncho do Orzán, onte, cos participantes no roteiro, na rúa Real.
Moncho do Orzán, onte, cos participantes no roteiro, na rúa Real.
A Asociación Cultural Roxín Roxal percorreu onte as rúas do centro da cidade para explicar aos participantes no roteiro a historia das Irmandades da Fala. A súa loita porque a lingua que falaba o 90% da poboación, o galego, non for desprezada e que acadase un prestixio que, daquela, se lle tiña negado. A experiencia comezou en Fisterra. De alí partiron en barco os participantes nesta actividade cultural, con Xurxo Souto como guía, como descubridor dos nomes das pedras da costa, dos entrantes no "mar de María Antonia".
Xa en terra, foi Moncho do Orzán o encargado de explicar aos participantes como fora a creación da primeira Irmandade da Fala, case cen anos atrás, en 1916. Comezou o percorrido no monumento a Curros Enríquez, nos xardíns de Méndez Núñez, porque, segundo conta Moncho do Orzán, o seu pasamento en 1908 supuxo o relevo xeracional do Rexurdimento ás Irmandades, que tiñan un sentido máis político e nacionalista.

O roteiro, no que participou tamén unha filla de dous dos fundadores das Irmandades, Elvira Varela Bao, fixo unha parada na rúa Real, no número 36, onde Ánxel Casal e Leandro Carré tiñan a editorial Lar, e no 38, onde Canuto Berea tiña unha tenda de música na que vendía partituras de autores galegos.
"Hai que ter en conta a importancia da música. Moita xente era analfabeta, pero coñecía poemas de Rosalía e de Curros porque foran musicados e memorizárabanos", explica Moncho do Orzán, que fixo tamén unha paradiña ante o baixo no que está un mural de Urbano Lugrís e que, como o local de hostelería que o alugaba pechou, privou tamén aos veciños de poderen contemplar a obra.
O roteiro continuou por Rego de Auga até o teatro Rosalía de Castro, onde se deu a coñecer Cántigas da Terra e tamén na antiga sede da Real Academia Galega (RAG), en 1816.

Este paseo pola historia da cidade rematou na praza de María Pita, onde, segundo lembrou Moncho do Orzán, en 1920 dous anos despois de que as Irmandades se formasen como partido político, Lois Peña Novo no pleno "falando por primeira vez" en galego.

0 comentarios :

Publicar un comentario

Lugrís

Lugrís